Páxinas

xoves, 27 de febreiro de 2014

ODA Á FILLOA
Ves das mans das avoas das nosas avoas,
moi ilustre señora, filloa, vella amiga, 
fino corpo lixeiro, leite e fariña triga,
para ti a nosa festa, para ti as nosas loas.

Se con mel ou con zucre, toda amor, te nos doas,
 é xusto que adozada a nosa língua diga 
por mellor festexarte tamén unha cantiga
en Muimenta onde hoxe raíña te coroas.

Aquí está a túa casa, que o pobo ten memoria
e sábeche as fazañas, os días de contento
que regalache ós pobres todo ó longo da historia.

O antigo e o novo, xuntos nun mesmo alento; 
traerán a esta vila un futuro de gloria,
¡que árbore con raíces non a derriba o vento!

Marica Campo