CERTAME “LINGUA DE NAMORAR”
As consellerías de Cultura, Educación, e
Ordenación Universitaria e de Traballo e Benestar, a través da Secretaría Xeral
de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, veñen
de convocar a nova edición do certame Lingua de namorar que busca fomentar o
uso do galego entre os mozos e mozas, especialmente en momentos de lecer.
O obxectivo deste
concurso é dinamizar o uso da lingua galega nas relacións persoais e nas
tecnoloxías da información, nomeadamente en internet e a mensaxería
instantánea.
Poderán participar
no programa persoas que teñan unha idade comprendida entre os 14 e os 35 anos.
Haberá dúas categorías: de 14 a 19; e de 20 a 35.
En canto ás
mensaxes, deberán estar escritas en galego e poderán redactarse en prosa ou
verso. A súa extensión máxima será de 350 carácteres, incluídos os espazos en
brancos. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao
concurso.
Para poder enviar as
mensaxes, será preciso rexistrarse na web do concurso http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar.html e
cubrir o formulario de inscrición. Todas serán publicadas na páxina do concurso
e estarán identificadas polo título e máis polo número que se lles asigne. A
data límite para enviar as declaracións será o 23 de febreiro.
A partir do 24 de
febreiro, e ata o 28, abrirase un período para votar (os usuarios que queiran
votar deberán rexistrarse na web). Un xurado elixirá aos gañadores entre as 50
declaracións máis votadas en cada categoría. As mensaxes escollidas –que se
farán públicas o 10 de marzo na páxina web- serán as únicas que se identifiquen
co nome e apelidos dos autores e autoras.
Establécense tres
premios por categoría. Para aqueles mozos e mozas de entre 14 e 19 anos, serán
os seguintes: unha Playstation 4 500 XB para o primeiro; unha mesa de mesturas
de DJ para o segundo; e un mp3 acuático. Pola súa banda, na segunda categoría
(de 20 a 35 anos), os gañadores poderán conseguir: unha cámara Canon réflex
dixital para o primeiro clasificado; un GPS de montañismo para o segundo; e un
mp3 acuático para o terceiro. Nesta última categoría, todos os premios irán
acompañados a maiores por unha actividade de aventura para dúas persoas.